Saturday 18 de May de 2024

O concello informa a Mesa pola Mobilidade Sostible do seu compromiso para impulsar novas actuacións


 

O concelleiro de Urbanismo, Juan Díaz Villoslada, informou a todos os grupos de traballo das últimas medidas de urxencia adoptadas para facilitarlle á cidadanía as actividades permitidas no plan de desescalada

O concelleiro de Urbanismo e Mobilidade, Juan Díaz Villoslada, comunicoulles esta mañá a todos os grupos de traballo da Mesa pola Mobilidade Sostible o compromiso do concello de seguir impulsando o plan previsto pola Mesa. A intención do responsable de Urbanismo é realizar unha nova sesión antes de que remate este semestre. O obxectivo, dixo, é seguir traballando para acadar novas medidas que sirvan para promover unha nova mobilidade que “faga a nosa cidade máis sustentable, segura e accesible”.
O edil lembroulles que o Goberno local ten previsto aprobar nas próximas semanas a declaración da Coruña como Cidade 30 e a regulación provisional dos vehículos de mobilidade persoal (VMP), dúas das medidas abordadas pola Mesa antes de se declarar o estado de alarma.

Entre as iniciativas pendentes de resolver, Villoslada destacou a nova Ordenanzaxeral de mobilidade, o estudo de viabilidade de novas plataformas reservadas para o transporte público, os procesos de peonalización, e as novas previsións do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana cara a unha nova Lei de mobilidade.

O concelleiro tamén informou das actuacións adoptadas polo concello con motivo da declaración do estado de alarma para restrinxir a mobilidade da poboación, e agora, na actual etapa de desescalada, para dispor de máis espazo público que lle facilite á cidadanía as actividades permitidas polas autoridades sanitarias nos diferentes tramos horarios. A incorporación provisional de carrís para uso peonil e ciclista, a declaración de “Rúas 10” ou a definición de zonas da cidade onde se pode dispoñer de máis espazo para ampliar as terrazas dos locais de hostalaría son algunhas das medidas de carácter urxente e provisional que se puxeron en marcha.
Aínda que moitas das accións non puideron analizarse na Mesa debido á súa urxencia, Villoslada apuntou que algunhas responden ás propostas recibidas na concellería por parte de diferentes axentes involucrados na mobilidade. Noutras, explicou o edil, xa se están a ter en conta experiencias que se desenvolven en distintas cidades.

Por último, sinalou que a concellería atenderá calquera suxestión, dúbida ou proposta que os membros da Mesa queiran facer.